lunes, 19 de marzo de 2012

A NOSA GRAN PEQUENA HISTORIA.


A NOSA GRAN PEQUENA HISTORIA.

Coido que nunca está de máis o coñecer a historia de todo aquilo do que formamos parte, dunha maneira directa ou indirecta.
O grupo que hoxe -refírome a este curso- estamos a pór en marcha, ten as súas orixes aló polo remate do século vinte, nos anos noventa. Xa Don Luis dirixía o Instituto e puxémonos en contacto para formar un grupo de teatro. Lémbrome, casualidades da vida, que tamén por aquelas se estaba a formar un Coro, casualmente coma neste ano. A posta en marcha do grupo correspondeume a min e a un dos meus mellores alumnos –deses que te superan de lonxe- e, sobre todo, grandes amigos: Rufino Pérez. As cousas das casualidades quixeron que alí coincidiran tamén alumnas e alumnos que viñan doutros Centros nos que traballabamos nós a actividade de teatro, especialmente Santa Mariña de Becerreira e Compañía de María. Eles fixeron que a nosa aterraxe fora máis doada. Pouco a pouco, fun deixando nas mans de Rufino o grupo, xa que el o levaba dun xeito maxistral, e durante os anos que estivo no Instituto, as cousas foron ben. Alí puxéronse en escena algunhas obras inesquecibles: “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao; “Zeus”, de Woody Allen; “Maribel y la extraña familia”, de Miguel Mihura; e dous musicais: “Grease” e “La tienda de los horrores”.
Coincidindo coa marcha de Rufino –os temas laborais levárono moi lonxe de nós- e da maioría do alumnado –polo remate dos seus estudos-, puxémonos mans á obra eu e outro grandísimo alumno e amigo -casualmente tamén dos que te superan-, Daniel Lorenzo, e tocounos novamente comezar de cero. As cousas foron manténdose, aínda que o nivel de alumnado baixara en relación aos anos anteriores. Tamén fun deixando o grupo nas súas mans, e de alí saíron obras coma: “Televiçio” (coido que se titulou “Zapping”) ou “Nosotros, ellas y el duende”, de Carlos Llopis.
Tras o paso de Dani, o grupo pasou ás mans de Sonia, outra compañeira teatral, pero a penas durou uns meses, xa que practicamente non había alumnado para continuar a actividade.
Iso levounos a unha época de “séculos escuros” ata que neste curso estamos de novo en movemento… e esperemos que sexa por moitos anos.
En entregas sucesivas, intentarei dar algunhas informacións máis sobre alumnado que pasou polo aula e comentarios concretos sobre as obras feitas.
Esta é a nosa gran pequena historia.              

No hay comentarios:

Publicar un comentario